A Tafona. Lucía Freitas

Vídeo HD, Cor

6’30”

Santiago de Compostela. Abril, 2018

Foi Lucía a que chamou á nosa porta. Faláronlle de nós e concertamos unha reunión previa para concretar cal era a súa encarga. Marchaba a Xapón (Hakodate) convidada para participar nun congreso gastronómico internacional e precisaba dunha carta de presentación en formato audiovisual. Un vídeo de marca que falase de quen era ela como persoa e tamén como cociñeira.

Trala conversa quedou claro que para ela era preciso contar aquelas cousas que formaban parte do seu quefacer diario como cociñeira, xefa e propietaria do restaurante A Tafona. Na conversa saíron o seu restaurante (eixo fundamental da súa vida), o Mercado de Abastos de Santiago de Compostela (a súa despensa), a súa familia e a horta que ten na casa familiar de Cacheiras (Teo), a lonxa de Ribeira (o peixe e os produtos do mar gravitan sobre a súa cociña) e o seu traballo na cociña do restaurante. Todos eses elementos estaban aí, eran o seu núcleo vital sobre os que habería que recompoñer o crebacabezas.

Optamos, neste caso, por construír un fío narrativo sinxelo onde a preparación da entrevista tería que amosar toda a emoción que había en cada un dos elementos presentes na historia.

Equipo de azo audiovisual