www.azo.gal

Vídeo HD-4K, Cor

6’26”

Tiñamos que concibir un vídeo para conmemorar o 25º aniversario da declaración, por parte da UNESCO en 1993, do Camiño Francés a Santiago de Compostela como Ben Patrimonio Mundial. Sobre ese contexto imaxinamos tres piares para construír a narración: o Camiño, os peregrinos e as hospitaleiras.

A gravación foi feita a finais de novembro de 2018. O outono estaría avanzado, teriamos mal tempo e non habería moitos camiñantes. Non era preciso. O que decidimos facer foi unha narración visual moi calma e atender, fundamentalmente, a captar a paisaxe e o Camiño. Dende o seu comezo en Galicia, no Cebreiro -plano secuencia inicial-  fomos buscando un xeito de contar moi reflexivo para acompañar a narración dos peregrinos. Non buscabamos demasiados planos, só queriamos ter o imprescindible. Hai montaña e tamén hai invernía porque o tempo climatolóxico foi o que foi, e contra iso non se pode facer nada. No decurso do Camiño tamén fomos atopando vestixios de arquitectura popular e congostras inzadas de folla caída.

Antes de facer o Camiño xa tiñamos o relato dos peregrinos. Só houbo unha pregunta: “Que sensacións viviron durante a realización do Camiño?” E aí foron aparecendo as respostas de persoas de diferentes continentes, países, linguas, culturas…Falamos con case corenta peregrinos que aceptaron amablemente visitar o noso set de traballo para comentar o que lles deixou a experiencia de camiñar ata chegar a Santiago de Compostela. Mulleres e homes chegados dende Australia, Francia, Estados Unidos, Brasil, Dinamarca, Alemaña, Italia, República Checa, Portugal, Irlanda, República Dominicana, México, etc. A todos pedímoslles que falarán na súa lingua materna e que nos contasen o que quixeran sobre a súa experiencia ao longo do Camiño de Santiago.

Quedábanos por darlle voz ás mulleres que dende 1993 foron incorporándose como hospitaleiras nos diferentes albergues públicos que se foron construíndo ao pé do Camiño de Santiago. Elas representan a mirada, en primeira persoa, de todo o que foi mudando nestes últimos vinte e cinco anos. Moitas aínda lembran, cando eran cativas, aquelas persoas que chegaban polo Camiño, peregrinos errantes que recibían un prato de comida e un lugar onde durmir. Elas contáronnos como foi mudando o Camiño e como, dende o 1993, foi medrando o fenómeno turístico e cultural coñecido popularmente como Xacobeo.

O resumo de todo está no vídeo, un traballo feito con todas as voces que quixeron contar a historia que imaxinamos. A todos eles, grazas!

Equipo de azo audiovisual